top of page

                                                                                                                                                                                               23 de Novembro de 2013

 

Un duro correctivo levou o Club Ourense Baloncesto esta xornada, na cal caeu na casa ante un dos de arriba, o Palencia, por unha diferenza de 22 puntos.

 

O encontro comezou favorable para os galegos, os cales aos cinco minutos de xogo lograban un parcial favorable de 10 a 4. Porén, a falta de 2 minutos para o final do cuarto, o encontro xa estaba igualado a 15. Ao remate do primeiro período, os ourensáns perdían por 1 punto (18-19).

 

O COB aguantaba o tirón inicial do Palencia nos minutos iniciais do segundo cuarto, e se ben a falta de 2 minutos para o final os visitantes lograban un parcial de 7 a 4 que lles permitía tomar 4 puntos de vantaxe (36 a 40), ao intermedio os locais volvían marchar só 1 punto por debaixo (39 a 40).

 

Á volta do descanso, o COB chegou a levar a iniciativa no marcador en vantaxes curtas, se ben un parcial de 2 a 8 a falta de 2 minutos para o final do terceiro período lle outorgaba unha vantaxe de 7 puntos ao Palencia ao final do cuarto (51 a 58).

 

Todo quedaba aberto para o último cuarto, no cal o COB pagou o esforzo dos tres anteriores. Os palentinos escapaban cada vez máis e máis no marcador, e os galegos, esgotados, non puideron seguilos, de maneira que unicamente anotaron 8 puntos. Ao final do partido, o marcador reflectía un contundente 59 a 81, e o COB apañaba a súa sexta derrota.

 

 

Correctivo do Palencia ao COB

bottom of page