x
g d
Xornal
GALDEPORTE
29 de Novembro de 2013
Despois da derrota da semana pasada ante o Clavijo, o CB Breogán volve coñecer esta xornada como é o sabor da derrota, pois caeu no Polideportivo Anaitasuna ante o penúltimo clasificado, o Planasa Navarra.
Se ben o inicio do encontro foi igualado, debemos recoñecer que os navarros foron superiores no primeiro cuarto. A falta de algo menos de 4 minutos para o seu final o ataque do Breogán secou, feito que lle permitiu aos locais encadear un parcial de 9 a 0 que lles permitiría sumar unha diferenza de +10 ao final deste período (22 a 12).
O segundo cuarto non comezou mellor. Os lugueses parecían durmidos, e o Planasa soubo sacar bo partido desta circunstancia, chegando a suma unha diferenza favorable de +17 (36 a 19). No entanto, unha xogada de 2 + 1 de Adrián Chapela serviu de revulsivo para os celestes que, cun parcial de 3 a 17, e mercé a unha tripla de Schaftenaar, chegaban ao intermedio cunha desvantaxe de só 3 puntos (39 a 36).
Á volta do descanso, McGee igualaría de novo o encontro con outra canastra de 3 puntos (39 a 39). No entanto, os locais estaban moi metidos no encontro e, mercé a un parcial de 19 a 9, tomaban unha vantaxe de +10 (58 a 48). Porén, os lugueses conseguirían reducir as diferenzas a 4 puntos ao final do período (60 a 56).
Os galegos chegaban ao derradeiro cuarto, pois, coas posibilidade intactas, mais un parcial de 9 a 3 nos primeiros 4 minutos devolvíanlle aos navarros a vantaxe de +10 (69 a 59). Mais, como a semana pasada, apareceu entón o orgullo de grande dos breoganistas que, cun parcial de 3 a 11, púñanse a tan só dous puntos. De todas as formas, tamén como a xornada anterior, os lugueses fixeron o máis difícil, mais non foron quen de completar a remontada. Con marcador en 72 a 70, Álex López errou dous tiros libres. Mala sorte a do canario celeste, pois realizou un estupendo partido (12 puntos, 3 rebotes, 5 asistencias, 1 recuperación e 20 de valoración). Ao final do encontro, o resultado era de 79 a 75 para o Planasa.
Segunda derrota consecutiva do CB Breogán
