x
g d
Xornal
GALDEPORTE
9 de Xaneiro de 2014
Seguro que, os que temos memoria dos anos de 1980 e 1990, lembramos a Dennis Rodman. Foi xogador de baloncesto (Detroit Pistons, San Antonio Spurs, Chicago Bulls, Los Angeles Lakers e Dallas Mavericks foron os seus equipos na NBA), loitador de World Championship Wrestling (onde chegou a facer parella co mítico Hulk Hogan) e actor de cine. Mais non é normalmente recordado por ser tan polifacético, senón polas polémicas creadas arredor da súa vida persoal e profesional. Este semana, tivemos unha nova entrega.
O feito de que Dennis Rodman semella gardar vínculos de amizade con Kim Jong Un é xa público. Por iso, non é de estrañar de Rodman, como xa fixera en tres ocasións anteriores, viaxase a Corea do Norte. Desta vez, como recolle a axencia Reuters, organizou un partido de baloncesto co fin de celebrar o aniversario do ditador norcoreano, e liderou o coro que lle cantou ao líder daquela nación o mítico “Parabéns para ti”. Sabedores desta circunstancia, os medios de comunicación estadounidenses crearon un gran rebumbio, e incluso a CNN entrevistou en exclusiva ao ex xogador de baloncesto para que explicase os motivos da súa viaxe. Foi entón, nesa entrevista, onde se creou a maior polémica. Preguntado por Kenneth Bae, un cidadán estadounidense encarcerado por ser disidente do réxime de Pyonyang, Rodman manifestou con insinuacións que fora o propio Bae o responsable da súa situación de presidio político. Produciuse entón unha discusión de tipo político, a cal queda reflectida no vídeo que ofrecemos con esta noticia.
Mais se a outros lle interesaba a postura política de Rodman, á familia de Bae o que lle interesaba eran, precisamente, as declaracións concernentes el, as cales a súa irmá, Terri Chung, cualificou de “acusacións indignantes”.
Creouse entón unha nova polémica, e Rodman viuse forzado a pedir desculpas a través dun comunicado. Os seus asesores, pola súa parte, manifestaron que as declaracións do ex xogador de baloncesto se produciran durante un día estresante e que, ademais, Rodman bebera antes da entrevista.