top of page

                                                                                                                                                                                                                  10 de Xaneiro de 2014

 

Hai veces en que os soños rebentan como se fosen burbullas nas mans dun neno que, inocentemente, xoga a facelas estourar. Iso foi o que fixeron, de xeito caprichoso, as circunstancias da vida con Xornal Galdeporte. Desta vez, a despedida é definitiva.

 

En Decembro, tivemos que suspender a nosa actividade por mor da enfermidade e posterior falecemento dun familiar moi querido. Voltamos o pasado día 7, cargados de ilusión, con ganas de comezar unha nova etapa. Porén, ben cedo nos decatamos de que non podiamos seguir adiante con Xornal Galdeporte. Se ben xa sabíamos de antemán, antes de comezar, que o proxecto non ía ser economicamente rendible, agora podemos confirmalo. Isto únese ao feito da incompatibilidade que crea con outras actividades profeisionais e coa vida persoal o desenvolvemento dunha publicación deste estilo cando é levada por unha única persoa.

 

Mais o feito de traballarmos moitas horas sen lograrmos beneficio económico non foi a causa da nosa decisión. Desde o principio, contamos con numerosos problemas técnicos que dificultaban o noso labor, uns problemas técnicos que estaban a se magnificar, cada vez máis, en frecuencia e cantidade. Así mesmo, aínda que o número de seguidores nas redes sociais aumentou significativamente co paso do tempo, o número de visitas (e, por tanto, de lectores) foi decrecendo progresivamente até chegar a niveis excesivamente baixos, e ningún dos nosos intentos por atraer máis público deu resultado.

 

De todas as formas, tampouco son os problemas técnicos e a ausencia de lectores a causa da nosa renuncia, nin tampouco a  carencia de recursos que tanto dificultaba o noso labor, senón talvez unha conxunción de todos os factores sinalados, unidos á sensación que se apodera de nós para dicirnos que o feito de mantermos Xornal Galdeporte é un esforzo inútil, unidos ao feito de que sentimos que este camiño xa non ten saída, e que debemos traballar en novos proxectos.

 

Por outra banda, o uso da primeira persoa do plural é puramente estilístico. Como xa adiantamos, Xornal Galdeporte está levado por unha única persoa. O seu nome é Xohán Xabier Baldomir e, por ser filólogo, creou esta publicación coa pretensión de dotar á lingua galega de novos espazos de uso. Desta vez, o fracaso foi patente, mais gardamos a esperanza de que, nun futuro próximo, alguén continúe con maior fortuna este camiño.

 

Non podería pecharse esta despedida sen o agradecemento pola boa acollida e bo trato ofrecido polo mundo do deporte. Quizais outros mundos, como o da cultura, deberan tomar exemplo. Igualmente, queremos agradecer a colaboración que nos ofreceron clubs, deportistas, plataformas sobre deporte e entes organizadores de competicións. Tamén, faltaría máis, a todos os que algunha vez confiaron neste proxecto. A tod@s, reitaramos, moitas grazas.


Moita sorte, e ata sempre

Adeus, Xornal Galdeporte

bottom of page