x
g d
Xornal
GALDEPORTE
21 de Novembro de 2013
O FC Barcelona derrotou esta noite no Pionir de Belgrado ao Partizán por 64 a 82, nun partido en que brillaron con luz propia o base Jacob Pullen (13 puntos, 2 rebotes, 2 asistencias e 17 de valoración) e, sobre todo, o aleiro Alejandro Abrines, autor de 19 puntos e 3 rebotes para 16 de valoración.
A necesidade aperta ao Partizán na clasificación, de aí que os serbios saísen polo partido. No primeiro cuarto, os locais manexáronse ben nunha diferenza favorable sempre próxima aos 6 puntos, se ben lograron 7 de máxima diferenza no minuto 8 (15 a 8). O Partizán sentíase máis ou menos cómodo naquel momento, mais unha tripla de Abrines reduciu a distancia a 4 puntos, e provocou que diferenza ao final deste período só fose de -6 para os culés (17-11).
Porén, os cataláns reaccionaron no segundo cuarto, o cal presentou unha historia ben diferente. Cun parcial de 0 a 6 favorable no primeiro minuto, os barcelonistas igualaban o resultado. O encontro converteuse nese momento nunha exhibición de intercambio de canastras mais, cun parcial de 0 a 7 no minuto final deste período, no cal tivo moito que ver unha tripla de Navarro producida cando o marcador reflectía 32 a 33, o FC Barcelona marchaba ao descanso con vitoria parcial de 32 a 38.
Á volta do intermedio, o Barça impuxo o seu ritmo, un ritmo que o Partizán non podía seguir. A falta de 2 minutos para o final do terceiro cuarto, unha tripla do brasileiro Huertas outorgáballe unha vantaxe de +20 (42-62), diferenza mantida ao final do período (44 a 64).
No derradeiro cuarto, os locais fixeron un esforzo por reducir as distancias, mais ao final só puideron rebaixala en 2 puntos (64 a 82). Desta forma, o Partizán afúndese na derradeira praza do Grupo A da Euroliga cun balance de 1 vitoria e 5 derrotas, mentres que o FC Barcelona se consolida na segunda praza con 4 vitorias e 2 derrotas.