x
g d
Xornal
GALDEPORTE
1 de Novembro de 2013
Saltou a sorpresa no Palau Blaugrana. Segunda derrota para os de Xavi Pascual no que vai de temporada, especialmente dolorosa por inesperada. O FC Barcelona caeu na casa ante o JSF Nanterre por 67 a 71.
Nada facía prever o agre desenlace azulgrana ao final do primeiro cuarto, cando os culés levaban unha renda de 10 puntos a favor (25-15). Non obstante, non tardou o equipo francés en ofrecer mostras da súa valía, chegando a se achegar a 2 puntos ao descanso (39-37) mercé a un gran segundo cuarto, no cal conseguiron darlle a volta á dinámica do partido logrando un parcial de 14 a 22.
O partido estaba igualado, ou iso parecía. Os locais non parecían conformes co segundo cuarto, saíron mellor posicionados en defensa e lograron chegar ao final do terceiro tempo cunha vantaxe de 9 puntos (60-51), mercé a un parcial de 21 a 14. Porén, o partido non estaba nin moito menos gañado para os cataláns, e o desenlace final así o demostrou. Os barcelonistas non puideron coa defensa dos galos, que aproveitaban ao máximo os seus contragolpes. O parcial de 20 a 7 ao final do derradeiro cuarto fala ben ás claras do que vimos de dicir.
Realmente, podemos dicir que foi un partido de alternativas. Cada equipo gañou un cuarto, e no cómputo global o Nanterre acadou máis puntos, liderado por Deshaun Thomas (14 puntos, 7 rebotes e 15 de valoración). Joey Dorsey (5 puntos, 11 rebotes e 2 asistencias para 17 de valoración) e Alejandro Abrines (15 puntos, 2 rebotes e 16 de valoración) destacaron no bando culé.
O FC Barcelona queda despois desta xornada cuarto do grupo A, con 1 vitoria e 2 derrotas, empatado co Partizán de Belgrado, co Budivelnik de Kiev e co propio JSF Nanterre; e a dúas vitorias do líder, o imbatido Fenerbahce Ülker de Istambul.
Batacazo do Barça ante o Nanterre
