x
g d
Xornal
GALDEPORTE
14 de Novembro de 2013
O FC Barcelona superou esta noite ao Kiev no Kiev Palace of Sports por dez puntos. Unha vez máis, o xogo interior marcou a diferenza. Dorsey (16 puntos, 1 rebote, 1 asistencia e 22 de valoración), Tomic (18 puntos, 5 rebotes, 1 asistencia e 19 de valoración) e Lampe (12 puntos, 9 rebotes, 1 asistencia e 18 de valoración) lideraron aos blaugrana na súa vitoria.
A igualdade foi a nota predominante do principio do encontro, no cal os cataláns chegaron a ter unha vantaxe de 6 puntos, reducida a 3 ao final do cuarto (21 a 24). O segundo cuarto tivo pouca diferenza co anterior, mais deu un feito que queda para a historia do baloncesto europeo. Durante o seu transcurso, Juan Carlos Navarro anotou a súa tripla 470 na Euroliga, feito que o deixa como líder histórico da competición neste apartado. Polo demais, o Kiev lograba pequenas diferenzas favorables que os culés neutralizaban con relativa rapidez. Iso si, Lavrinovic creaba moitos problemas para a defensa rival. Por esta causa, os locais marchaban ao descanso con vantaxe (48-46).
O inicio do segundo tempo consistiu nunha exhibición por parte do Barcelona de control do xogo no aspecto defensivo e manexo do partido. Mercé a un parcial de 14 a 6 nos últimos 8 minutos, os barcelonistas conseguían darlle a volta ao resultado 56 a 62. Xa no derradeiro cuarto, os visitantes escapaban no marcador e, con vantaxes comprendidas entre os 12 e os 8 puntos, lograron gañar sen sufrir. 74 a 84 ao final do partido.
O Barcelona fica segundo do seu grupo, a dúas vitorias do Fenerbahce.