top of page

                                                                                                                                                                                                                 11 de Decembro de 2013

 

Se onte repasabamos o que deu de si a última xornada da fase de liga da Liga de Campións para os conxuntos dos grupos A, B, C e D; hoxe faremos o propio cos equipos dos grupos restantes.

                    

Mais antes de nada, cómpre facer mención ao encontro do grupo B entre o Galatasaray e a Juventus, suspendido onte por causa da neve. Hoxe si puido celebrarse este partido, o cal nos deixou a clasificación para os oitavos da escuadra turca, que derrotou aos juventinos por 1 gol a 0 mercé ao tanto logrado polo holandés Wesley Snejder no minuto 85. Desta forma, os turcos ocupan a segunda posición con 7 puntos, e acompañarán ao Real Madrid na seguinte fase.

 

No grupo E, encontramos a vitoria do líder, o Chelsea, ante o Steaua de Bucarest. Un solitario tanto de Ba, producido no minuto 10, bastou para o triunfo dos blues. Como segundo clasificado, encontramos ao Shalke 04, que derrotou ao Basilea por 2 a 0 mercé aos tantos de Draxler (minuto 51) e Matip (minuto 57).

 

O grupo F foi quizais o máis igualado de toda esta primeira rolda. Até tres conxuntos igualaron a 12 puntos no alto da táboa. O que peor fortuna tivo deles foi o Nápoles, que quedará fóra polo gol-averagge malia vencer esta noite ao segundo clasificado, o Arsenal, por 2 goles a 0, con tantos de Higuaín (minuto 73) e Callejón (xa no desconto). Os ingleses, a pesar da derrota, pasan aos oitavos de final da competición, ao igual que o Borussia Dortmund, conxunto que se impuxo no Vélodrome ao Olympique de Marsella. Se ben Lewandowski adiantou aos alemáns no minuto 4, no 14 empataban os franceses por mediación de Diawara. Este resultado deixaba fóra ao Borussia, mais no 87 de partido apareceu Grosskreutz para pór o 1 a 2 definitivo.

 

Respecto ao grupo G, comentamos a vitoria por 2 a 0 do líder, o Atlético de Madrid, ante o FC Porto, producida por causa dos tantos de Raúl García (minuto 14) e Diego Costa (no 37). Con este resultado, os portugueses quedan fóra do torneo, e terán que se conformar coa Europa League. De todas as formas, trátase dunha boa ocasión perdida para os lusos, xa que nos oitavos de final si estará o Zenit de San Petersburgo, a pesar da derrota por 4 a 1 Ernst-Happel-Stadion ante o Austria de Viena. Kerzhakov adiantou aos rusos no minuto 35, mais Hosiner (no 44 e no 51), Jun (no 48) e Kienast (no desconto) dábanlle aos austríacos esta ampla vitoria.

 

Finalmente, no grupo H, encontramos a clasificación como primeiro de grupo do FC Barcelona mercé á goleada infrinxida no Camp Nou ao Celtic de Glasgow. Neste encontro brillou con luz propia Neymar, autor dun hat-trick (minutos 44, 48 e 58). Piqué (no minuto 7), Pedro (no 40) e Tello (no 72) completan a listaxe de goleadores blaugrana. Samaras, no 88, marcaba o tanto da honra do Celtic.

 

No outro encontro do grupo, Milan e Ajax empataron a 0. Con este resultado, os rossoneri acompañarán aos azulgrana nos oitavos.

O Barça golea e o Galatasaray pasa

bottom of page