top of page

                                                                                                                                                                                                22 de Novembro de 2013

 

O Básquet Coruña segue a ilusionar aos seus seareiros e ao deporte galego. Hoxe, venceu no Palacio dos Deportes da Coruña ao Baloncesto Oviedo e, con 6 vitorias e 2 derrotas, queda terceiro na clasificación e empatado co segundo, o CB Breogán.

 

Na primeira metade, encontramos un encontro moi igualado, no cal se produciron poucos puntos, e ningún dos dous conxuntos foi quen de manter unha vantaxe que lles permitise respirar con certo acougo. Vencía o Basquet Coruña por 15 a 14 ao final do primeiro período, mais no segundo o Baloncesto Oviedo conseguiría unha diferenza favorable de 6 puntos, a cal lle permitiu marchar ao descanso por diante (32 a 37). O encontro estaba aberto, sen dúbida.

 

Nisto do baloncesto, hai quen di que o terceiro cuarto acostuma a ser determinante. Nesta ocasión, a hipótese cumpriuse á perfección. O Básquet Coruña non só conseguía mellorar o seu balance ofensivo-defensivo, senón tamén lograba impor unha dinámica de partido máis favorable. Con todo, o choque continuaba a estar igualado, e ao final do terceiro período o marcador reflectía 52 a 50 para os galegos.

 

O derradeiro período, pola súa parte, pareceuse ao primeiro. Poucos puntos, moita intensidade, e parcial favorable para os herculinos por 1 punto (17-16). Ao final do partido, o Básquet Coruña derrotaba ao seu rival e sumaba un novo triunfo (69 a 66).

 

Até catro xogadores laranxas subiron hoxe dos dez puntos: o galego Mario Cabanas (10), Ogirri (11), Jason Cain (16) e Jesús Castro. Este último, foi o xogador a destacar entre os herculinos, con 16 puntos, 3 rebotes, 3 asistencias, 2 recuperacións e 15 de valoración.

 

A semana que vén, o Básquet Coruña visitará a cancha do pechacancelas, o filial do FC Barcelona. Esperemos sexa esta unha boa ocasión para que os coruñeses continúen a sumar vitorias. 

 

 

O Básquet Coruña segue imparable

Castro

bottom of page