top of page

                                                                                                                                                                                                                 11 de Decembro de 2013

 

O BM Cangas caeu derrotado esta noite no Gatañal ante o Anaitasuna BM en partido correspondente aos oitavos de final da Copa do Rei.

 

Tratábase dun duelo entre o quinto e o noveno clasificado da Liga ASOBAL, mais desta vez, para mala sorte dos galegos, foi o peor posicionado na táboa o que conseguiu a clasificación para os cuartos de final desta competición.

 

O encontro comezou igualado, e moi defensivo por parte de ambos os conxuntos. Boa proba disto é o 0 a 0 que reflectía o marcador aos cinco minutos de xogo e, aos quince, de empate a 4. Un parcial de 3 a 1 dáballe a vantaxe aos cangueses a falta de dez minutos para o descanso (7 a 5). No entanto, a reacción dos navarros provocou un parcial de resposta de 2 a 7, que situou o marcador no 9 a 12 co que se chegou ao intermedio.

 

Os cangueses tiñan aínda todo o segundo tempo para lle dar a volta ao marcador, mais non puideron conseguilo. Aos dez minutos de xogo deste período, o Anaitasuna BM xa vencía por 5 goles (13 a 18), aos vinte por 6 (19 a 25) e, ao final do choque, por 7 (21 a 28). O BM Cangas non puido coa solidez defensiva do seu rival, e acabou por sucumbir na casa. De todos os modos, este tropezo non mancha o enorme inicio de campaña que están a realizar os galegos na ASOBAL. O próximo sábado, ante o BM Granollers, terán unha boa ocasión para emendarse.

O BM Cangas cae ante o Anaitasuna BM

bottom of page