x
g d
Xornal
GALDEPORTE
27 de Novembro de 2013
Esta noite, o BM Cangas, sexto clasificado da ASOBAL, recibiu na casa ao cuarto, o Ademar de León. Todo un duelo de alturas que, finalmente, se saldou con táboas no marcador.
Foron os leoneses os que, nos minutos iniciais, levaron a iniciativa no marcador, chegando a adquirir no minuto 10 unha diferenza favorable de 3 goles (4 a 7). Non obstante, grazas a un parcial de 6 a 2 nos cinco minutos restantes, o BM Cangas tomaba a dianteira no resultado. Porén, ao minuto 25 o encontro estaba de novo igualado (12-12). Só se produciu un tanto nos últimos 5 minutos, e este caeu do lado dos galegos, que marcharon ao descanso por diante (13-12).
A segunda metade comezou coa expectativa de igualdade da primeira. Mercé a un parcial de 3 a 6 nos primeiros dez minutos, o Ademar adquría unha vantaxe de dous goles (16-18). No entanto, os galegos non baixaron os brazos, e cun parcial de 5 a 2 tomaban de novo a dianteira (21 a 20). Os cangueses chegaron coa vantaxe dun gol aos últimos cinco minutos, mais nese tempo o conxunto visitante, grazas a un parcial de 2 a 3, lograba a igualada definitiva (29 a 29).
O encontro non só presentou igualdade no marcador, senón tamén no apartado de goleadores. Jesús Soliño e Alen Muratovic polo BM Cangas, e Carrillo Gutiérrez e Domenech polo Ademar, foron os máximos goleadores do encontro, con 8 tantos cada un.
A semana que vén, o BM Cangas viaxará a terras castelás para se enfrontar a un rival directo, o BM Guadalajara.
BM Cangas iguala co Ademar León
