top of page

                                                                                                                                                                                                                 10 de Decembro de 2013

 

Por segunda vez consecutiva, o segundo clasificado da OK Liga tiña como rival ao CP Cerceda. Esta noite, os galegos medíronse ao CE Vendrell nun encontro vibrante.

 

Golpearon primeiro os cataláns, no minuto 15, por mediación de Lluís Ferrer. No entanto, este CP Cerceda, malia ser un equipo acabado de ascender, demostrou en máis de unha ocasión nesta temporada que non é un conxunto dos que se deixan amedrentar. Tan só dous minutos tardou en chegar a resposta dos albivermellos, por mediación de Gonzalo Pérez. Con marcador en empate a 1, o Vendrell dispuxo dun penalti ao seu favor, o cal foi efectuado sen éxito por Sergio Miras. Dadas as circunstancias, os cercedenses non desaproveitaron a oportunidade de marchar por diante no marcador ao descanso. A falta de 37 segundos para o final da primeira parte, Juan Farizia deixaba o marcador en 1 a 2.

 

Á volta do intermedio, os locais encontraron de novo unha nova oportunidade nun penalti a favor, errado outra vez por Sergio Miras. Non era a noite do xogador local, mais si a do meta galego Martín Barros “Neto”, que desbaratou varios achegamentos rivais. Posteriormente, Gonzalo Pérez anotaba o 1 a 3 para os albivermellos. O CP Cerceda volvía derrubar a outro grande da OK Liga, e comeza a merecer a pulso a fama de mataxigantes.

 

O Cerceda gaña na cancha Vendrell

bottom of page