top of page

                                                                                                                                                                                                                 17 de Novenbro de 2013

 

A estas alturas, só había dous equipos invictos na OK Liga, o FC Barcelona e o CP Cerceda. Desde hoxe, só queda un. Os galegos, caeron derrotados no Onze de Setembre ante o ICG Software Lleida.

 

Foi, aínda así, o CP Cerceda quen inaugurou o marcador, por medio dun gol de Fariza. Porén, o Lleida estaba concentrado no partido, e ao pouco chegou o tanto de Andreu Tomàs (1-1), o cal partiu dun lanzamento de falta desde a frontal da área. No minuto 8, Joan Grasas poñía de novo por diante aos galegos.

 

No entanto, ningún dos dous conxuntos quería marchar ao descanso en desvantaxe. No minuto 20 Marc Soler anotaba para o Lleida o empate a 2 e, no 23, o propio Soler deixaba en vantaxe aos locais cun tanto fabricado a partir dunha xogada individual. Un novo tanto de Juan Fariza (3 a 3) impediu que o equipo branco e vermello chegase ao intermedio en desvantaxe.

 

Na segunda parte, encontramos de novo un encontro vistoso e emocionante, cheo de goles. Sería de novo o CP Cerceda quen golpease primeiro, no 34, por mediación de Torres. Porén, os cataláns non ía deixar que os cercedenses tomasen vantaxe, e no 37 Lluís Romero empataba a 4.

 

Á falta de case cinco minutos para o final, Torres demostraba o poderío ofensivo dos visitantes e marcaba o 4 a 5. Porén, segundos despois Necchi anotaba para os locais e devolvía o encontro ás táboas.

 

O encontro parecía que ía deparar un final de infarto. Co resultado empatado, no minuto 48 o gol de David Ballesteros dáballe aos locais a dianteira (6 a 5). Os galegos non tiveron apenas tempo para reaccionar. O Lleida arrebatáballes a xeira de imbatibilidade.

 

Malia a derrota, Juan Copa mostrouse satisfeito co rendemento dos seus xogadores, dun conxunto que até o momento no ano do seu regreso camiña con paso seguro pola sempre exixente OK Liga.

 

 

O CP Cerceda perde o primeiro partido

David Torres

bottom of page