x
g d
Xornal
GALDEPORTE
30 de Novembro de 2013
Como os seareiros do Celta, estaba previsto que os do Deportivo e os do CD Lugo protestasen, no minuto 10, contra a sentenza derivada do xuízo polo afundimento do petroleiro Prestige e, de feito, o xoves os xogadores de ambos os clubs posaron con bandeiras da Plataforma Nunca Máis!, en sinal de apoio ao pobo galego. De aí o título do artigo.
Se nos cinguimos ao estritamente deportivo, diremos que encontro de Riazor nos deparou moita intensidade, moita emoción, e un empate sen goles.
A primeira oportunidade do encontro foi para os locais e correu a cargo de Arizmendi, que cun remate de cabeza case consegue o tanto para os herculinos. No 12, contestaría Sandaza para os lugueses cun disparo desde fóra da área. As ocasións de maior perigo estiveron repartidas entre os dous conxuntos. No 22, Luís Fernández ben puido abrir o marcador para o Depor, ao igual que Álex Bergantiños no 38. Os albivermellos, pola súa parte, tiveron a posibilidade de marcar no 34 por mediación de Seaone se ben no 42 o meta José Juan tivo que empregarse para deter un lanzamento de Luisinho.
Na segunda parte, porén, o encontro perdeu vocación ofensiva. Con todo, no minuto 50 Luís Fernández tivo unha boa ocasión, a cal foi desbaratada por José Juan. Intentouno o Lugo nos minutos seguintes, e no 57 Pita puxo a proba ao porteiro deportivista Germán Lux.
Nos últimos 30 minutos o encontro, como o ambiente, foi arrefriando e, ao final, os dous conxuntos tiveron que dar por boas as táboas.
Á espera do que faga mañá o Sporting de Xixón, con este empate o Lugo ascende á terceira praza mentres que o Deportivo, desde o liderado, queda exposto a que o Recreativo de Huelva o iguale en puntos.
Deportivo e Lugo empatan no derbi do país de Nunca Máis!
