x
g d
Xornal
GALDEPORTE
9 de Novembro de 2013
Caeu esta noite o Celta en Balaídos ante o Raio Vallecano por 0 a 2, na volta do galego Roberto Trashorras ao que fora o seu estadio.
Aos dous minutos o Celta xa perdoaba. Santi Mina asiste cun pase da morte para Nolito, mais o disparo do segundo é despexado na boca de gol por un defensor raista.
Aos 23 minutos adiantábase o Raio Vallecano por mediación do canario Jonathan Viera quen, tras un desmarque, quedou só ante o porteiro e fulminou a meta de Yoel.
Trashorras estivo moi activo, mais por fortuna faltoulle acerto cara á meta rival. No minuto 37 Lass erraba unha clara ocasión que ben puido ser o 0 a 2. Escapoulle o balón cando quedaba só na área pequena. Pouco despois, era o Celta quen volvía perdoar. Un mal despexe do meta Rubén foi parar a Charles, mais o dianteiro espetou o balón no corpo do gardaredes.
Co resultado de 0 a 1 chegouse ao descanso. Á volta do intermedio, Rafinha tivo dúas oportunidades para o empate, mais non puido aproveitar ningunha. Non fixo o mesmo Larrivey no minuto 72, cando de cabeza puxo o definitivo 0 a 2 para os visitantes.
Os celestes seguen a dar unha de cal e outra de area esta temporada, e Balaídos máis que nun fortín está a se converter nunha maldición. Os vigueses aínda non foron quen de gañar na casa.