x
g d
Xornal
GALDEPORTE
9 de Decembro de 2013
O pasado sábado día 7 tivo lugar en Biscaia o tradicional XXXVII Ziklo Kross Igorre, puntuable para a Copa Federación de Ciclocross. Alí encontrou o ciclismo galego o éxito a través de Desiree Duarte (do Aquagest) e de Irene Trabazo (do Marín-Otomán).
Duarte impúxose nesta proba na categoría feminina junior, feito que lle valeu para consolidar o título de campioa conseguido o pasado 1 de Decembro na proba de Navia. A ciclista do Aquagest superou por 12 segundos a Alba Teruel, e con este triunfo suma xa 125 puntos no ranking xeral, con 51 de vantaxe sobre a segunda clasificada (Paula Díaz López, con 74 puntos).
Pola súa parte, Irene Trabazo logrou nesta proba de Igorre o título de campioa na categoría cadete, ao se impor a Alba Fernández por unha diferenza de 42 segundos. Desta maneira, Trabazo suma 120 puntos na clasificación xeral, 19 máis que a xa mencionada Alba Fernández (con 101).
O ciclocross feminino galego, por tanto, goza dun espléndido momento mercé a estas dúas figuras.
Canto ao apartado masculino, o junior Raúl Fernández finalizou en segundo lugar, o mesmo posto que ocupa no ranking da clasificación, con 101 puntos. Desta forma, a única posibilidade que ten de gañar o título radica no feito de que Fernández venza na proba de Valencia e, asemade, que o líder Diego Pablo Sevilla (virtual campión con 120 puntos) finalice décimo quinto ou nunha posición peor.
Trofeo Horacio Barros:
Por outra parte, en Porriño celebrouse o venres 6 de Decembro o XVII Trofeo Horacio Barros. Con Mauro González, Raúl Fernández, Desiree Duarte e Irene Trabazo en Igorre; os seus perseguidores no circuíto galego gozaron esta fin de semana dunha boa ocasión para reducir as distancias.
Desta forma, Paulo González impúxose na categoría elite masculina, Samuel González na de cadetes masculino, Sara Trigo na cadetes feminino e Xiana Conde na junior feminina. Dada a ausencia de Isabel Castro, a portuguesa Joana Monteiro non perdeu a ocasión para vencer na elite feminina. O resto de clasificacións e categorías podes consultalas neste enlace, o cal conduce a un documento da Federación Galega de Ciclismo.
Desiree Duarte e Irene Trabazo, imparables
