x
g d
Xornal
GALDEPORTE
15 de Novembro de 2013
A final Copa Davis deste ano, disputada no Belgrado Arena, principiou con táboas na primeira xornada. Tomas Berdych anunciaba o mércores que a clave ía estar no encontro de dobres, e semella que os seus augurios comezan gardar correspondencia coa realidade.
Ás 16:00 inauguraban a final Novak Djokovic (número 1 de Serbia) e Radek Stepanek (número 2 da República Checa). No primeiro set asistimos a un encontro moi igualado, baseado en xogos curtos na súa parte inicial. No quinto xogo, Djokovic gañaba o seu saque e, no sexto, rompía o servizo de Stepanek (4 a 2). O serbio chegou a ter un marcador de 5-2, mais o checo conseguiu igualar o set a 5. Porén, tras 56 minutos de partido, Djokovic conseguía o primeiro set para si por 7 a 5.
Menos historia tivo o segundo set, no cal Stepanek pagou o cansazo e foi esmagado por Djokovic cun contundente 6 a 1. O checo non conseguía anotar puntos de primeiro servizo con fluidez, mais no terceiro set superou unha situación adversa de 2 a 1 para deixar o marcador en 2 a 3. Parecía que había posibilidades de cuarto set, mais Djokovic fíxoas esvaecer. Ao final, o partido resolveuse por 7-5, 6-1, 6-4, e Serbia lograba o primeiro punto da final.
Con esta situación, toda a presión recaía sobre Tomas Berdych (número 1 da República Checa e número 7 do ranking ATP), quen se enfrontaba no segundo partido ao substituto do lesionado Tipsarevic, o serbio de 23 anos Dusan Lajovic, 177 do ranking ATP. Lajovic saíu moi concentrado, colosal co seu saque. Berdych, en cambio, víase nervioso. No entanto, logrou pronto asentarse no partido para levar o primeiro set en 36 minutos por 6 a 3.
No segundo set, semellaba que Lajovic aguantaba os tiróns do seu opoñente, mais o set caeu do lado de Berdych por 6-4. O checo estivo colosal co seu saque, cun 88% de acerto en puntos de primeiro servizo. O serbio intentouno, mais tivo que ver como lle escapaba o partido no terceiro set. Ao final, 6-3, 6-4, 6-3 para Berdych.
A eliminatoria queda igualada, e a final por decidir. Mañá, cos dobres, teremos unha nova entrega desta serie.
Empate a 1 na final da Davis

Tomas Berdych