x
g d
Xornal
GALDEPORTE
1 de Novembro de 2013
Sen dúbida, o día de hoxe presentou partidos importantes para a Euroliga. O Real Madrid suma e segue ante o Milán, ao que derrotou con suficiencia por 93 a 74. Pola súa parte, o Maccabi de Tel Aviv vencía esta tarde ao Lokomotiv Kuba Krasnodar por 58 a 73. Mais, se temos que destacar un partido, ese é o que enfrontou ao Estrela Vermella de Belgrado contra o Panathinaikos, un partido igualado e disputado que se decidiu na prórroga.
O primeiro cuarto respondeu ás expectativas. Tivo puntos e igualdade, e decidiuse por 26 a 22 para os locais, que marcharon ao descanso cunha vantexe cómoda de 15 puntos (48-33).
Mais se os dous primeiros cuartos foron para os balcánicos, os atenienses foron os dominadores dos dous restantes. Comezaron a reducir distancias no terceiro cuarto (56-48). O último tempo dos gregos foi espectacular. Conseguiron un marcador parcial de 18 a 26, feito que lles permitiu empatar o encontro a 74 ao final do tempo regulamentario. Houbo prórroga, unha prórroga vibrante, na cal o Panathinaikos logrou a vitoria final por 86 a 90.
No apartado individual, destacamos a Nikos Pappas (24 puntos, 2 rebotes e 23 de valoración) e a Diamantidis (12 puntos, 3 rebotes, 9 asistencias e 23 de valoración) polo Panathinaikos, e a Blake Schilb polo Estrela Vermella (19 puntos, 3 rebotes, 5 asistencias e 22 de valoración).
Se quedaches con ganas de máis, velaquí che presentamos un vídeo resumo extraído da canle de Youtube da Euroliga.