x
g d
Xornal
GALDEPORTE
3 de Decembro de 2013
Despois de toda a polémica xerada a través de Ronaldo, do Balón de Ouro e de Blatter, velaquí unha nova entrega, con Michele Platini como protagonista. O presidente da UEFA sinalaría, nunha entrevista ao diario As, que o adiamento da votación polo Balón de Ouro estipulada pola FIFA tería unha suposta oculta intención. E é que, desta forma, o xurado puido apreciar a determinante participación do astro luso na eliminatoria de repesca para Brasil 2014 entre Portugal e Suecia. Lembremos que CR7 anotou os 4 goles conseguidos pola selección das quinas nos dous encontros do play-off.
Non sería de estrañar que a FIFA quixese contentar a Ronaldo e ao fútbol portugués coa entrega deste galardón ao carismático atacante. Porén, sería xusto termos presente que Ibrahimovic, que tamén estaba nominado para o Balón de Ouro, puidese ser a estrela destacada desta serie de dous partidos. Aínda así, non podemos perder de vista que, tanto desde o Real Madrid como desde a selección lusa, así tamén a través da prensa española e portuguesa, está a se exercer presión sobre o máximo organismo do fútbol mundial en favor dunha posible concesión do citado premio a Cristiano Ronaldo. Valla como exemplo o enfoque que o medio dixital ptjornal.com lle outorga a esta noticia. E é que xa o din os proverbios galegos: “o que non chora non mama”, e “o que ten padriño bautízase”.
A FIFA quere contentar a Ronaldo?
