top of page

                                                                                                                                                                                                                  2 de Novembro de 2013

 

Esta segunda xornada da LF2 dexounos dous derbis galegos (Ensino vs Arxil e CBF Ourense vs Celta) e equilibrio entre vitorias e derrotas. Realizaremos a seguir o análise da xornada, e comezaremos polo líder, o Ensino de Lugo.

 

Ensino vs Arxil:

 

O pasado venres 1 de Novembro medíronse en Lugo o Ensino e o Arxil de Pontevedra. Desde o principio o partido estivo marcado por dous factores fundamentais. Por un lado, o maior poderío físico das luguesas, polo outro, a falta de acerto ofensivo das xogadoras do Arxil. Boa proba disto encontrámola no sorprendente resultado final de primeiro cuarto, que se solventou cun 16 a 2 para o equipo que dirixe Javier Muñoz, o cal conseguiu marchar para o descanso cunha renda de 26 puntos (42-16). Durante o encontro, as xogadoras do Arxil tropezaron unha e outra vez coa muralla do Ensino, que levou o partido cun marcador contundente (66-36). Verónica Matoso, con 14 puntos, 16 rebotes e 2 asistencias (20 de valoración) foi a xogadora a destacar deste choque.

 

CBF Pabellón de Ourese vs Celta Baloncesto:

 

Maior igualdade encontramos no segundo derbi da xornada, que enfrontou ao CBF Ourense co Celta Baloncesto. Foi este un partido tenso e de baixa puntuación, disputado entre dous equipos que estiveron a un nivel moi parello. Ningún dos dous equipos foi quen de se despegar no marcador de forma contundente en ningún momento do encontro. Ao descanso, chegouse cun aberto 22 a 24. Nos dous cuartos finais non mudou a tendencia, e o partido deciduse por unha marxe de 2 puntos: 56 a 54 para as ourensás, entre as cales destacaron Laura K. Saarinen (17 puntos, 12 rebotes e 18 valoración) e Arantxa Mallou (9 puntos, 10 rebotes, 5 asistencias e 17 de valoración). Entre as viguesas, pola súa parte, destacamos a Isabel Herbello, con 13 puntos, 7 rebotes e 18 de valoración.

 

CB Al-Qáceres Extremadura vs Cortegada:

 

Tocoulle ao Cortegada unha visita difícil a terras estremeñas, onde sucumbiu ante o Al-Qáceres Extremadura. A derrota foi contundente para as galegas, que chegaron a marchar ao final do primeiro cuarto con vantex do marcador (9-15). Non obstante, tratouse dunha miraxe. No segundo cuarto as locais apretaron máis e conseguiron un contundente parcial de 26 a 6 que lles permitiu ir ao descanso con 16 puntos de vantaxe (37-21). No terceiro cuarto o Cortegada intentou a remontada, mais nin sequera foi quen de lograr gañar o parcial deste tempo, que se decidiu por 12-11. As galegas pagaron caro o esforzo, e a pesar dos 14 puntos de Salomé García caeron por 25 (64-39).

 

Universitario de Ferrol vs Universidad de Valladolid:

 

Contundente vitoria do Universitario de Ferrol esta tarde ante o Universidad de Valladolid, a cal lles permite permanecer empatas no máis alto da táboa clasificatoria co Ensino e o Al-Qáceres. As campioas da Copa Galicia 2013 dominaron o rebote e acadaron un 40% de efectividade en tiros de 3 puntos.

 

No entanto, o encontro non se decidiu até o derradeiro cuarto, xa que ao descanso o marcador rexistraba un apertado 25 a 21. Porén, no terceiro xa lograran abrir unha boa vantaxe de 11 puntos (39 a 28), e o parcial do derradeiro carto foi esmagador (20 a 6). Ao final, lideradas por Marta Tudanca (15 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias, 5 recuperacións e 20 de valoración) as xogadoras do Universitario de Ferrol fixéronse co choque cun amplo resultado (59 a 34) e deixan moi boas sensacións neste comezo de temporada.

 

Clasificación equipos galegos:

 

1.º Ensino

3.º Universitario de Ferrol

5.º Celta Baloncesto

8.º CBF Pabellón Ourense

12.º Arxil

 

 

 

 

 

Ensino, Universitario de Ferrol e CBF Ourense OK; Arxil, Cortegada e Celta Baloncesto, KO

Banco do Ensino antes dun partido

bottom of page