x
g d
Xornal
GALDEPORTE
8 de Decembro de 2013
As seleccións galegas de base de balonmán demostraron o seu poderío esta fin de semana no II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra “O Salnés 2013”, no cal venceron en tres dos catro apartados dos que dispuña a competición.
Na categoría cadete, Galiza rematou invicta no apartado feminino. Na xornada de hoxe, as rapazas xogábanse o triunfo no campionato ante Castela e León. As adestradas por Javier Castro non lle deron ningunha opción ás castelás e, grazas a unha boa defensa, gañaron o partido por 20 a 14.
Tamén se chegaba co título por decidir ao cadete masculino. Os rapaces de Emilo Pintos debían derrotar a Portugal para que o trofeo non marchase para Castela e León. A selección galega, dadas as circunstancias, estivo á altura da situación, e derrotou á lusa por 23 a 25.
A diferenza de goles no torneo deulle o triunfo no torneo a Galiza no infantil masculino. Chegaban á xornada decisiva os galegos empatados cos castelán-leoneses. E a igualdade persistiu tamén neste partido, que finalizou con marcador de 29 a 29. Con todo, ao se tratar dun sistema de liga, os galegos levaron o título mercé a diferenza de goles marcados e encaixados: +16 para Galiza, +10 para Castela e León.
No apartado infantil feminino, as galegas na xornada de hoxe derrotaron con contundencia a Castela e León por 33 a 22. Con todo, tiveron que conformarse coa segunda posición xa que as asturianas, invictas, levaron o trofeo.
Desta forma, o II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra “O Salnés 2013” saldouse con tres títulos e un segundo posto para Galiza. Sen dúbida, grandes noticias para o noso balonmán.
Galiza imponse no Salnés
