x
g d
Xornal
GALDEPORTE
15 de Novembro de 2013
Hoxe asistimos a á primeira volta da repesca para Brasil 2014 das seleccións UEFA. O certo é que houbo de todo. Emoción, goles e, ante todo sorpresas. A principal, a derrota de Francia ante Ucrania.
Francia vs Ucrania:
Un gol de Zozulya no 61 e outro de Yarmolenko, de penalti, no 82, fixeron saltar a sorpresa no Olímpico de Kiev.
No primeiro tempo os locais dominaron o encontro, e os bleus apenas conseguían chegar á meta rival. Puideron tomar a iniciativa no marcador xa no primeiro tempo, con ocasións de Yarmolenko, Yevhen Konoplyanka e Edgar; mais finalmente chegouse ao descanso con empate a 0.
Á volta do intermedio, Zozulya inaguraba o marcador despois de culminar unha xogada combinativa. O mesmo xogador, hoxe inspirado, aínda puido aumentar a súa conta goleadora no 63, e provocou o penalti que converteu no 82, con algo de suspense, Yarmolenko, xa que o balón bateu no longueiro antes de entrar. Os ucraínos viaxan a París con vantaxe.
Portugal vs Suecia:
Era este o partido estrela da eliminatoria, no cal se esperaba un espectacular duelo particular entre Ronaldo e Ibrahimovic, mais as estrelas apenas apareceron. O seareiros lusos, que encheron o Estádio da Luz, presenciaron como o seu equipo conseguía unha importante vitoria de cara á clasificación para Brasil 2014.
O choque estivo cargado de emoción e intensidade. Os portugueses saíron moi agresivos en ataque. Aos 5 minutos, Moutinho puido inaugurar o marcador nunha xogada de un contra un ante o meta Isaksen, mais o portugués non atinou. Foi este lance do partido un punto de reacción para os suecos, que pasaron desde aquel momento a acosar a meta rival. Porén, unhas veces pola acción de Rui Patrício, e outras por mala fortuna (como o disparo de Kalström que saíu a rentes da escadra), os nórdicos non foron quen de romper o 0 a 0 co que se chegou ao descanso.
No segundo tempo, os portugueses dominaron o encontro, mais non eran capaces de culminar con éxito as súas xogadas de ataque. Só no 82, Ronaldo aparecía para marcar de cabeza, e para pór o 1 a 0 definitivo.
Islandia segue viva, Grecia gaña:
A outra gran sorpresa da xornada deuna Islandia que empatou a 0 ante Croacia na casa. Para os islandeses xogar a repesca era todo un logro, mais iso non significa que vaian deixar de intentar clasificarse para Brasil 2014.
No outro encontro da xornada, Grecia venceu a Romanía. Mitroglou abríu o marcador no minuto 14 para os helenos, aínda que pouco despois, no 19, Stancu igualaba a 1. Non obstante, un tanto de Salpingidis no 21 e outro do propio Mitroglou no 67 deixaban o marcador no 3 a 1 definitivo.