top of page

                                                                                                                                                                                                                   6 de Novembro de 2013

 

 

Se onte a Copa do Rei de fútbol sala nos deixaba boca doce coas vitorias de Azkar Lugo ante o Pío Pío Temisas (0-5, cun gol de Iago Rodríguez e dous de Cospe e Chano), do CD Burela ante o Melilla (1-2) e, por riba de todo, do sorpresón que deu o Noia FS ante o Marfil Santa Coloma (5-4); hoxe encontramos un sabor agre, coas derrotas de Santiago Futsal e O Parrulo de Ferrol.

 

Os santiagueses enfrontábanse fóra da casa ante o Segovia Futsal. Aos dous minutos, tiveron que ver como os locais se adiantaban no marcador por mediación do tanto de Castilla. Non obstante, aos poucos segundos Bingyoba anotaba en propia meta o empate para o Santiago Futsal.

 

Os composteláns conseguiron que, no primeiro tempo, os segovianos se cargasen de faltas, e de feito cando quedaban 11 minutos para o descanso xa sumaban a quinta. Porén, no 13 Bingyoba tivo ocasión de emendar o seu erro, e cun tanto seu outorgáballe aos casteláns o 2 a 1. Os santiagueses buscaron insistentemente o empate, e incluso Palomeque enviou un balón ao pau tras un lanzamento de dobre penalti. Porén, o marcador non se moveu antes do intermedio.

 

Á volta do descanso, Javi Alonso marcaba o 3 a 1 para o Segovia. Palomeque recurtou posteriormente diferenzas grazas a un tanto que supoñía o 3-2 definitivo.

 

A falta de 4 minutos, Barroso xogaba de porteiro-xogador, mais nada puido impedir a derrota do Santiago Futsal.

 

No outro encontro de hoxe con participación galega, O Parrulo de Ferrol caía ante o Llevant Manacor por 2 a 6. Adiantáronse os mallorquíns no minuto 15 mercé a un tanto de Vadillo, contestado no 17 por Jacobo.

 

Á volta do descanso, o gol de Víctor Manuel (2-1) permitíanos soñar con outra sorpresa galega, mais 5 tantos do Manacor, marcados por Vega, Vadillo, Chicho (2) e Joselito; puxeron o 2 a 6 definitivo.

 

Copa do Rei de fútbol sala: pasan Burela, Noia e Azkar; caen Santiago FS e O Parrulo

Palomeque (Santiago FS)

bottom of page