top of page

                                                                                                                                                                                                                    7 de Decembro de 2013

 

Emocionante e vibrante foi o derbi da OK Liga que nos depararon esta tarde no González Laxe o CP Cerceda e o HC Liceo.

 

Os locais non se deixaron intimidar pola calidade dos coruñeses, e saíron polo partido. A piques de se cumprir o minuto 1, López Regos adiantaba ao Cerceda. Os albivermellos mandaban no marcador, e aínda puideron ampliar a súa vantaxe no minuto 13 mercé a outro tanto de López Regos (2 a 0). No entanto, o Liceo non quería desengancharse do encontro, e o tanto do xogador do cadro cercedense viuse contestado algo máis de dou minutos despois por outro de Lucas Ordóñez.

 

Nunha xogada de falta directa, Martín Payero aumentaba de novo a vantaxe para os locais a falta de algo menos de tres minutos para a conclusión da primeira parte, se ben segundos despois Lucas Ordóñez volvía enganchar ao Liceo no partido ao anotar o 3 a 2 co que se chegou ao descanso.

 

A última ocasión antes da finalización do primeiro tempo recaeu no Liceo mediante unha falta directa lanzada por Lucas Ordóñez a falta de 30 segundos. Pola súa parte, a primeira oportunidade da segunda parte chegaría na mesma forma, mais desta vez consistiu nun lanzamento de falta de Martín Payero para o Cerceda. O arxentino, principal novidade na aliñación dos albivermellos, mostrou gran motivación no enfrontamento de hoxe ante o que foi, durante catro temporadas, o seu equipo.

 

 Os de Juan Copa dispuñan das mellores chegadas e, no minuto 7 da segunda parte, David Torres deixaba o marcador en 4 a 2.

 

O Liceo, pola súa parte, non baixou os brazos, e nestes minutos seguintes lanzouse na procura do gol. Josep Lamas, de falta directa, acurtaba as distancias. Pouco despois Lucas Ordóñez anotaba o terceiro tanto da súa conta particular.

 

Co encontro igualado a 4 goles chegouse aos minutos finais. Quizais máis de un nese momento apostaría polo empate mais, a falta de 52 segundos para o final do choque, David Torres rachou tal prognóstico co tanto da vitoria (5 a 4). O Liceo non tivo xa tempo de reacción, e caeu por primeira vez ante o seu rival de hoxe. O Cerceda, pola súa parte, co triunfo de hoxe suma 11 puntos na clasificación xeral e abre a diferenza cos últimos postos da táboa.

Un gol de David Torres dálle o derbi ao Cerceda

bottom of page