top of page

                                                                                                                                                                                                                 30 de Novembro de 2013

 

O HC Liceo está a atravesar por un gran momento, e diso non cabe dúbida. Despois da pequena espiña cravada polo empate do sábado pasado na Liga de Campións ante o Saint Omer, os galegos retornaron ao camiño do triunfo cunha contundente goleada ante o CH Lloret.

 

Xa ao pouco de comezar o encontro, os coruñeses tomaban vantaxe no marcador mercé ao tanto de Toni Pérez, aínda que a falta de 11 minutos para o descanso os visitantes lograban a igualada grazas ao tanto de Raul Pelicano Plaza. No entanto, a resposta liceísta non demorou, e aos poucos segundos Jordi Bargalló lograba o 2 a 1.

 

A falta de 5 minutos para o descanso, os colexiados sinalaron un penalti a favor do Lloret. O encargado de lanzalo foi Raul Pelicano, mais por sorte non achou fortuna. No entanto, a falta de algo máis de 3 minutos para o descanso, os árbitros sinalaron un novo penalti, desta vez a favor dos herculinos. Non errou Toni Pérez, e os herculinos ampliaban a súa vantaxe. Aínda antes do descanso Juan José López anotaría o 4 a 1.

 

Na segunda parte, o Liceo quixo continuar co seu festival goleador. Jordi Bargalló marcaba de falta directa o 5 a 1 e, do mesmo xeito, Lucas Ordóñez conseguía o sexto. A falta de 12 minutos para o final, Toni Pérez conseguiría o terceiro da súa conta particular. A goleada pechouna Eduard Lamas, autor do 8 a 1.

 

Desta forma, o Liceo chega nunha posición inmellorable ao derbi galego da OK Liga, o cal terá lugar a xornada vindeira.

 

Cae o Dominicos:

 

Pola súa parte, o equipo coruñés da Primeira División, o CAA Dominicos, perdeu unha oportunidade para derrotar a un rival directo, e caeu en terras madrileñas ante o CP Alcobendas por 4 goles a 3. Marcos López Gala, Guillermo Cuenca, Víctor Jiménez e Martínez Palomo foron os autores dos goles locais. Pola súa parte, os tres tantos do conxunto galego foron obra de Pablo Fernández Blanco.

Gran goleada do Liceo

bottom of page