x
g d
Xornal
GALDEPORTE
23 de Novembro de 2013
Botábamos en falta ao Obradoiro da temporada pasada, aquel que namoraba aos seareiros e que lle facía fronte a calquera conxunto, por moi grande que fose. Despois dun inicio de temporada bastante mellorable, no cal o equipo non estaba a responder ás expectativas, os composteláns ofreceron a súa mellor versión esta noite ao derrotar no Sar ao FC Barcelona por 17 puntos.
No primeiro cuarto, asistimos a un encontro igualado, no cal os santiagueses seguían sen problemas o ritmo dos cataláns, que dominaban o encontro con pequenas vantaxes. Ao final do primeiro período, mandaba o FC Barcelona por 3 puntos (16 a 19).
Ao inicio do segundo período, o Barça saíu decidido a ampliar a súa vantaxe, mais os seus esforzos eran neutralizados polo Obradoiro, que cun parcial de 10 a 7, empataba o encontro. Unha tripla de Junyent puña no seguinte ataque aos galegos por diante (29 a 28), se ben ambos os conxuntos marcharon aos vestiarios igualados a 32.
O descanso sentoulle ben aos santiagueses, pois volveron ao encontro convencidos das súas posibilidades, as cales explotaron ao máximo. Cun parcial de 17 a 7, os de Moncho Fernández lograban unha diferenza favorable de +10 (49 a 39), a cal conservaron ao final do terceiro cuarto (55 a 45).
Os galegos tiñan o encontro de cara para o último período, e non desaproveitaron esta circunstancia. No derradeiro cuarto, o Obradorio escapaba no marcador sen que o Barcelona puidese facer nada para impedilo, e incluso chegou a ter unha vantaxe de +19 (72 a 53), se ben se viu reducida en dous puntos mercé a un parcial culé de 4 a 7 (77 a 60).
Corbacho, con 14 puntos, foi máximo anotador do encontro e Junyent o que obtivo mellor valoración (11 puntos, 8 rebotes, 1 asistencia, 1 recuperación e 16 de valoración). Non obstante, no encontro de hoxe o conxunto do Obradoiro brillou con luz propia e tapou moitas bocas. Afortunadamente, tamén a nosa. Oxalá sigamos a ver esta imaxe no que resta de campaña.
Se queres ver un resumo con imaxes do partido, podes velo aquí
Grande, Obradoiro

Alberto Corbacho