top of page

                                                                                                                                                                                                                      9 de Xaneiro de 2014

 

Omatt Hitfeld, seleccionador suízo de fútbol, manifestou publicamente, na emisora de radio alemá SWR, o seu descontento coa organización do mundial de Brasil 2014. Así o recolle hoxe a axencia de noticias Reuters.

 

Para Hitfeld, trátase dun “acto case irresponsable” o feito de ter que disputar encontros en Manaus, cidade localizada en pleno territorio amazónico, situado “no medio da selva”, en declaracións do técnico. Alí xogará Suíza ante Honduras en Xullo. Por se tratar dun clima tropical, calcula Hitfeld que naquela altura do ano terán que xogar cunha temperatura oscilante entre os 30 º C e os 40 º C e cunha humidade do 95 %, condicións que considera desfavorables para a práctica do fútbol.

 

Igualmente, mostrouse o seleccionador suízo contrario ao sistema de elección de sedes, debido a que Suíza, como todos os conxuntos do grupo E, debe xogar en tres sedes diferentes. Debutará en Brasilia ante Ecuador, logo percorrerá case 1500 quilómetros para se enfrontar a Francia en Salvador de Bahía e, xa a finais de Xuño, desprazarase case 3400 quilómetros para xogar en Manaus ante Honduras. Ademais, o nivel de humidade será moi diferente en ambos os lugares.

 

Non é, con todo, a voz de Hitfeld a única discordante. E é que a organización xa recibira queixas polos horarios dos partidos, xa que algúns encontros, malia se disputaren en lugares tropicais, terán lugar á unha do mediodía, hora local.

Hitfeld, descontento coa organización de Brasil 2014

bottom of page