x
g d
Xornal
GALDEPORTE
29 de Novembro de 2013
Despois da vitoria da xornada pasada ante o Maccabi de Tel Aviv, o Baskonia logrou esta xornada no Fernando Buesa Arena un apertado, e á vez importante, triunfo contra o Panathinaikos.
Nun gran primeiro cuarto, os locais mostráronse duros en defensa e moi efectivos en ataque (sobre todo no xogo exterior), de modo que marcharon ao final deste período con 34 puntos no seu haber e cunha diferenza de 15 puntos a favor (34 a 19).
O arranque do segundo cuarto non presentou variacións respecto ao primeiro e, por mediación dunha tripla de San Emeterio, os vascos acadaban os 21 puntos de vantaxe (42 a 21). Os sereiros baskonistas estaban a gozar dunha gran exhibición dos seus, ignorantes do sufrimento que posteriormente habían padecer. De feito, cun parcial de 13 a 23, os gregos chegaban ao descanso metidos no partido (55 a 44).
A tendencia á alza do Panathinaikos continuou no terceiro cuarto. Agora eran os helenos os que, cunha boa defensa e con efectividade ofensiva, lograban pórse por diante a falta de 2:27 para o final do período (57-58). No entanto, dous tiros libres convertidos por Kaukenas e mais unha tripla de Kelati dábanlle algo de aire ao Baskonia, aínda que non suficiente, de modo que o cuarto finalizou con 65 a 62.
O principio do derradeiro período imitáballe bastante ao primeiro. Os locais, moi concentrados, lograban un parcial de 11 a 5 que lles permitía tomar unha vantaxe de +8 (76 a 67). Durante algúns minutos, o Baskonia mantíñase por riba nunha distancia próxima aos 7 puntos. Mais todo cambiou co parcial de 1 a 7 dos gregos, que puxo aos visitantes a tan só 3 puntos a falta de 1:29. No entanto, os ateniense non puideron completar a remontada, e os vascos sumaban, por 79 a 77, o seu 4 triunfo desta temporada na Euroliga.