top of page

                                                                                                                                                                                                                 28 de Novembro de 2013

 

Informábamos o pasado día 26 sobre a convocatoria da selección galega de billarda para a Copa Cantábrica, que se ha disputar, lembremos, o día 30 a partir das 11:30 horas en Piedras Blancas (Concello de Castrillón, Asturias).

 

Porén, desde mañá até o domingos, ambas as datas incluídas, os billardeiros terán unha outra cita de interese. E é que a Liga Nacional de Billarda estará presente na maior feira da cultura galega, o Culturgal, o cal terá lugar en Pontevedra, como dicimos, durante esta fin de semana.

 

Non podemos obviar que a billarda, alén de ser un deporte regulado e con liga propia, é tamén para os galegos unha manifestación cultural ben asentada no noso imaxinario popular. Xa Frei Martín Sarmiento, entre o 1746 e o 1770, cando compuxo a súa Colección de Voces y Frases Gallegas, falaba deste deporte do seguinte xeito:

 

“Aquel xogo de nenos que en Castela lle chaman o xogo da tala, chámanlle en Galiza, polo común, da estornela en Pontevedra, do lipe en Tui, do cepo en Portugal, da bilharda; en Estremadura, da billarda ou bilarda, e no centro de Campos, da bigarda. A orixe de tala, é o latín talea, que significa un ramo ou pauciño; a orixe de cepo é cippus; a orixe de lipe sóame a gótico do inglés lip, que significa labio ou fociño, polos dous que ten o pauciño tala [billarda], para que ferindo neles co pau bastón [palán], salte no aire e despois co segundo golpe vaia xirando polo aire moi lonxe. A orixe de estornela é do latín medio tornare, alusiva aos xiros e voltas que vai dando o pauciño tala; mais en Pontevedra danlle o nome de estornela e pola mesma orixe ao enredo dos nenos, que en Francia chaman virolét, e é aquel muiñiño de vento que posto con dúas aspas encontradas na punta dunha barra e correndo con ela contra o vento que sopra, xira continuamente como unha roda...” (tradución nosa e literal). 

 

Moi antigo é o deporte da billarda, mais tamén moi descoñecido para moitos. Por iso, a LNB informará aos curiosos que se acheguen ao seu posto no Culturgal sobre todo o que rodea a esta práctica deportiva tan nosa.

 

 

A LNB, entre o Culturgal e a Copa Cantábrica

bottom of page