x
g d
Xornal
GALDEPORTE
22 de Novembro de 2013
Non tivo fortuna o CB Breogán esta noite, na cal caeu por un punto na Rioxa ante o Clavijo. Non foi o mellor encontro dos celestes e, porén, chegaron con posibilidades ao final do encontro, e pouco lles faltou para levar o partido. Datos como este sempre son esperanzadores...
Non tiveron un bo comezo os galegos, pois aos catro minutos de xogo xa recibiran un parcial de 11 a 2. Mais Schaftenaar e Álex López meteron aos breoganistas no encontro a golpe de tripla. Con todo, ao remate do primeiro cuarto o Breogán perdía por 10 puntos (26 a 16).
Non foi diferente o segundo período. O CB Breogán, tirado por un gran Schaftenaar, intentaba sobrevivir ante un rival que soubo manter a distancia inicial. A defensa breoganista non era a máis desexable, e ao descanso os locais xa anotaran 47 puntos por 36 dos galegos.
Agardábamos un encontro diferente á volta do intermedio, cun Breogán máis agresivo en ataque e máis centrado en defensa. E en parte foi iso o que encontramos, mais só nunha pequena parte. No entanto, á finalización do terceiro período os lugueses xa lograran reducir a desvantaxe a 8 puntos (65 a 57), de modo que quedaba un derradeiro cuarto no que aínda estaba todo por decidir.
A falta de algo máis de 5 minutos para o final do encontro, os lugueses caían por 14 puntos (74 a 60). Non obstante, lonxe de se deixar ir, o Breogán reaccionou. Un mate de Diouf foi o revulsivo. Cun parcial espectacular de 3 a 16, os galegos púñanse a tan só 1 punto (77 a 76). Maias foi a partir dese intre que os lugueses comezaron a padecer a mala fortuna. McGee erra dúas triplas, e o Clavijo non perdoa neste momento clave. Os locais mandaban por 5 (81 a 76) a falta de 15 segundos. Entón, o encontro entrou na habitual dinámica das faltas e dos lanzamentos libres. Os rioxanos só anotaron 1 punto neste tempo, por 3 dos galegos (82-78). Unha tripla de Álex López sobre a bucina puña o 82 a 81 final.
Un xornada máis, Diouf foi o xogador destacado entre os breoganistas (18 puntos, 7 rebotes, 1 asistencia, 1 recuperación e 21 de valoración), moi ben acompañado nesta ocasión por Schaftenaar (19 puntos, 5 rebotes, 1 asistencia, 1 recuperación e 18 de valoración). A semana que vén ambos, xunto co resto do equipo, terán un encontro a priori accesible ante o Planasa Navarra.
Mala sorte para o Breogán

Schaftenaar