x
g d
Xornal
GALDEPORTE
13 de Novembro de 2013
A selección española de fútbol presentou hoxe, no Teatro Compac de Madrid, a súa nova equipación para o Mundial de Brasil 2014. Será completamente vermella, con motivos dourados. O novo uniforme, elaborado por ADIDAS, segundo EFE, quere simbolizar a paixón co vermello, e o triunfo o dourado.
Até aquí, non hai problema. A que vén entón o título do artigo? No acto de presentación, os xogadores posaron ante unha inscrición que ditaba: “La Roja o ninguna. All in or nothing”. Inxenuamente, podemos pensar que o motivo do slogan radica no feito de que a equipación é completamente vermella. Porén, todo parece indicar que se trata dunha mensaxe dirixida aos movementos que piden a oficialidade deportiva das nacións sen Estado, nomeadamente a Cataluña. Desta forma, podemos pensar que a mensaxe real é “con España ou con ninguén. Ou en España ou en ningures”.
Non é a primeira vez que Federación Española de Fútbol realiza provocacións deste estilo. Recentemente temos todos na cabeza a prohibición expresa aos xogadores de portar nas celebracións bandeiras diferentes á española. Ademais, o slogan do autobús da selección española durante o Mundial de Alemaña 2006 era, se non estamos errados (citamos de memoria): one nation, one passion (“unha nación, unha paixón”).
Na mente de cada lector deste artigo crearase unha opinión diferente. Mensaxe inofensiva ou provocación? Iso queda a criterio de cada quen.
Mensaxe inofensiva ou provocación?
