top of page

1 de Novembro de 2013

 

Hoxe, 1 de Novembro de 2013, Xornal Galdeporte preséntase ao mundo, con humildade e con ganas de inciar o camiño, na medida da posible, cara a un novo espazo para a lingua galega. Pretendemos ser un selo diferente, cunha identidade marcada e cuns trazos diferenciadores que nos caracterizan.

 

 

 

Nace Xornal Galdeporte, o diario deportivo en lingua galega

                                                                                                                                                                                                

Somos unha publicación nova que bota a andar agora, neste mesmo instante. Esperamos que polas nosas páxinas desfilen parágrafos e parágrafos dedicados ao deporte galego e do resto do mundo. Porque si, porque non temos complexos, e porque xa o di o noso nome, queremos centrarnos na actualidade deportiva do noso territorio e informar sobre as últimas noticias do deporte galego. Non obstante, somos conscientes de que o universo non remata en Galiza, e por iso pretendemos que nosos lectores estean ao tanto sobre o que ocorre fóra das nosas fronteiras, cinguíndonos especialmente ao ámbito europeo e americano.

 

Pretendemos ser un modesto órgano de difusión, escrito sempre en lingua galega, pois de ningún outro xeito concibiríamos Xornal Galdeporte. Faremos dun trazo identitario tan caracterizador de Galiza, como é o caso do idioma, o noso propio trazo identario. Cremos que facer prensa deportiva neste idioma é posible, e intentaremos demostralo día a día co noso arduo  labor.

 

Aquí e agora, neste mesmo instante, Xornal Galdeporte edita o seu primeiro número. Virán moitos máis? Iso dependerá da audiencia. Pola nosa vontade e traballo, non ha quedar.

 

 

bottom of page