top of page

                                                                                                                                                                                                                12 de Novembro de 2013

 

A Federación Internacional de Tenis (ITF) fixo pública onte a súa decisión de suspender por dous anos a Nuria Llagostera. A tenista catalá deu positivo nun control antidopaxe realizado no transcurso do torneo de tenis de Stanford. Nel foi detectada a presenza no corpo da xogadora da substancia d-metanfetamina, un estimulante que, entre outros efectos, produce un aumento da enerxía.

 

O caso de Llagostera vén ser un máis dos relacionados coas diferentes federacións españolas ao longo dos últimos anos. Casos como o de David Meca (producido en 1999), Pep Guardiola (acusado de dopaxe en 2001 e absolto en 2009), Johann Mühlegg (2002), Gurpegui (2003), Igor González de Galdeano (2003), David Etxebarria (2004), Roberto Heras (2005), María Isabel Moreno (2008), Paquillo Fernández (2009), Alberto Contador (2010), Josephine Onyia (2011), a Operación Puerto, a Operación Galgo,... proliferan cada vez máis no territorio estatal.

 

Jacques Rogge, ex presidente do COI, xa puxera de manifesto que en España existía un problema coa dopaxe ao que non se lle quería pór solución. No 2008 Pat McQuaid, presidente da UCI, declaraba: “hai que recibir con certo escepticismo todas as declaracións da federación española sobre dopaxe, porque a federación defendeu sempre aos atletas involucrados en casos de dopaxe. Non foron severos cos infractores. (…) Dá a impresión de que non hai unha vontade real de perseguir aos atletas involucrados”. Todos lembramos o famoso caso dos bonecos franceses do ano pasado. Porén, o máis doado é dicir que o mundo sente envexa do deporte español, e mirar para outro lado. A función política que cumpre o deporte no Estado español para a uniformización cultural e ideolóxica parece estar por riba da ética.

Nuria Llagostera, máis un caso de dopaxe

bottom of page