x
g d
Xornal
GALDEPORTE
1 de Decembro de 2013
O Athletic de Bilbao freou esta noite en San Mamés ao FC Barcelona. Desta forma, os blaugrana rompen ante os leóns a súa xeira de invictibilidade.
Nos primeiros minutos, os barcelonistas acumulaban a posesión da pelota, mais eran incapaces de chegaren á área rival. Até o minuto 11, o Barça non incomodaría a Gorka, mais nesta ocasión o meta navarro tivo que empregarse para deter un lanzamento de Neymar. Pouco despois, Iniesta gozaba doutra ocasión errada. Os visitantes neste primeiro tramo de encontro creaban oportunidades nas botas de Xavi, Iniesta e Neymar. Tamén tiveron os locais algunha moi clara, como a de Muniain no minuto 29, ou como a de Toquero no 39. Non obstante, o encontro chegaba ao descanso con empate a 0.
O autor da última ocasión clara da primeira metade tería outra boa no inicio da segunda. Toquero remataba de cabeza en boa posición, mais Pinto detivo o lanzamento. Pouco despois, a resposta de Neymar, que remataba fóra desde dentro da área. O brasileiro, no minuto 58, puido inaugurar o marcador, mais o seu disparo saíu lambendo o pau.
O FC Barcelona perdoaba e perdoaba. E xa se coñece o dito: o que perdoa acaba pagándoas. No minuto 70 Muniain marcaba o 1 a 0. Nos minutos seguintes, Toquero e Laporte ben puideron aumentar a diferenza para os locais.
Dadas as circunstancias, o Barcelona botouse polo partido, e asediou constantemente a área rival na procura do gol. No entanto, finalmente o encontro remataba con vitoria local. Desta forma, o Barça e o Atlético de Madrid, con 40 puntos, empatan no alto da clasificación da Liga BBVA. Por detrás, con 37, asexa o Real Madrid.