x
g d
Xornal
GALDEPORTE
26 de Novembro de 2013
O Atlético de Madrid igualou a 1 este martes ante o Zenit de San Petersburgo en Rusia, en partido correspondente á Liga de Campións.
Os minutos iniciais foron para os colchoeiros que, xa clasificados, mantiñan o dominio da pelota e o control do xogo. No entanto, o primeiro aviso deuno Hulk que, cun lanzamento desde a frontal, puña a proba a Courtrois. Acto seguido, era Gabi quen dispoñía dunha ocasión para os visitantes, mais o seu tiro non achou fortuna.
O Zenit comezaba a tomar maior presenza no partido, mais as ocasións apenas chegaban. Os de San Petersburgo presionaban arriba, mais non creaban suficiente perigo para traspasar a meta dun sobresaliente Courtrois. E, con esta tónica, o choque chegaba ao descanso.
Ao comezo da segunda metade, tornou a presión rusa e, desta vez, Hulk petaba unha e outra vez na porta gol, unha insistencia que non achou recompensa. En plena campaña de acoso dos rusos o atlético Adrián López, ex do Deportivo, inauguraría o marcador no minuto 53. Segundos despois, Raúl García mandaría un balón ao pau.
A raíz do tanto dos indios, o encontro achou maior equilibrio, se ben o Zenit non deixou de procurar a rede rival. Conseguiríao no minuto 74, cando se produciu o gol de Toby Alderweireld en propia meta. O Atlético intentou entón a igualada, mais non a logrou. Ao final, empate a 1 no marcador. Os madrileños perdían os seus primeiros dous puntos na Liga de Campións.