x
g d
Xornal
GALDEPORTE
29 de Novembro de 2013
Xunto co Olympiacos e co Real Madrid, o Fenerbahce completaba a tríade de invictos na Euroliga, tríade que agora será dúo, pois os turcos caeron esta noite no Palau Blaugrana, nun encontro en que o esloveno Bostjan Nachbar brillou con luz propia. De feito, cos seus 31 puntos de valoración (23 puntos, 9 rebotes, 1 asistencia) foi segundo xogador con mellor cómputo da xornada, só por detrás dos 36 puntos de valoración do estadounidense Keith Langford (militante no Milan).
Despois das dúas derrotas consecutivas na ACB (a última delas, lembremos, ante o Obradoiro) os culés tiñan fame de vitoria, e demostrárono desde o principio do encontro. No primeiro cuarto os locais impuxeron o seu ritmo en ataque e estiveron sólidos en defensa. Como consecuencia, ao final do primeiro cuarto gañaban xa por 20 puntos (35 a 15).
Ao inicio do segundo período, o Barça atinxía os 23 puntos de diferenza (38 a 15) mercé a unha tripla de Papanikolau. O grego realizou un excelente partido, no cal anotou 18 puntos, capturou 6 rebotes e deu 2 asistencias (23 de valoración).
Durante os cinco primeiros minutos do segundo cuarto, o Barcelona mantivo a diferenza estable en torno aos 22 puntos. Porén, nos cinco restantes, a raíz dunha tripla de Bjelica, o Fenerbahce espertaba e, de feito, conseguía baixar aos 12 puntos a desvantaxe ao descanso, grazas en parte ao gran acerto exterior de McCalebb.
Á volta do intermedio, os visitantes chegaron incluso a se pór a 10 puntos (52 a 42), e mesmo estiveron a 4 puntos a falta de 5 minutos para o final de terceiro período (59 a 55). No entanto, unha tripla de Nachbar rompía de novo o encontro e, malia a técnica a Navarro no minuto 26, os cataláns lograban finalizar o período con igualada parcial a 22 (74 a 62 no xeral).
O choque chegaba aberto ao cuarto definitivo, mais o FC Barcelona soubo manter as distancias até o final e, á conclusión do encontro, lograba unha gran vitoria (94 a 81) que lle permite situarse a tan só 1 triunfo do líder do grupo A o cal é, precisamente, o Fenerbahce.