x
g d
Xornal
GALDEPORTE
9 de Xaneiro de 2014
A mala xeira de resultados do FC Barcelona na ACB parece non ter cabida na Euroliga. Hoxe, os cataláns demostraron o seu poderío ao derrotar en Istambul a un dos rivais que mostraron maior potencial nesta temporada: o Fenerbahce.
Á vitoria súmase o valor engadido de que foi producida malia o feito de que os blaugrana non puideron contar, por baixa de última hora, co seu xogador franquía, Juan Carlos Navarro.
Se ben os culés saíron polo encontro, e incluso lograron un parcial de 2 a 7 nos dous primeiros minutos, pronto igualarían o marcador os turcos, e incluso chegarían a se pór por diante no minuto 4 (11 a 9). A partir dese momento, o primeiro cuarto estivo definido pola igualdade, se ben no seus instantes finais unha reacción visitante, con tripla de Nachbar incluída, situaba aos culés 5 puntos por diante (18 a 23). Porén, xa no segundo período, os turcos lograrían anular esta mínima diferenza, e ao descanso chegábase co marcador igualado a 39.
Á volta do intermedio, o Barça manexaba o encontro en pequenas diferenzas e, de feito, o terceiro cuarto rematou cun axustado 56 a 58. Todo queda aberto para o último asalto. Baixo a dirección do brasileiro Marcelinho Huertas (que, con 23 puntos, 3 rebotes, 7 asistencias e 30 puntos de valoración foi, sen dúbida, o xogador destacado do encontro) os barcelonistas chegaban ao minuto 39 con cinco puntos de vantaxe (69 a 74). Moitos daban xa por feita naquel momento a vitoria, mais os locais apelaron ao seu orgullo e puxeron o resultado en 73 a 74. A falta de dúas décimas, co marcador en 73 a 76, o Fenerbahce aínda puido igualar o encontro por mediación dunha tentativa de tripla realizada por Bogdanovic, mais o seu lanzamento estrelouse no aro.