x
g d
Xornal
GALDEPORTE
6 de Decembro de 2013
Despois so batacazo sufrido o pasado día 31 de Outubro no encontro de ida, esta noite o FC Barcelona tomou cumprida vinganza ao derrotar no Halle Carpentier ao JSF Nanterre por 78 a 82.
Non foi, con todo, unha vitoria fácil. No primeiro cuarto, que acabou con 19 a 17 para os franceses, reinou a igualdade, de modo que ningún conxunto foi quen de se separar no marcador por máis de 3 puntos. Todo cambiou, porén, no segundo período. Os culés eran capaces de achegar un xogo máis enérxico e efectivo en ataque. Se ben fallaba o acerto interior en comparación a outras ocasións, os lanzamentos de dous puntos e mais os tiros libres contribuíron a que os blaugrana tomasen en todo momento as rédeas do marcador. Cun parcial de 18 a 30, os cataláns marchaban ao descanso con 10 puntos de vantaxe (37 a 47).
Á volta do intermedio, os azulgrana dedicáronse a gobernar o encontro ao seu antollo, de modo que conseguiron manter a vantaxe nun abano de puntos comprendido entre os 8 e os 11, situado aos 9 ao final do terceiro período (57 a 66). Finalmente, no derradeiro cuarto, o Barcelona chegou a acadar a máxima de +13 no minuto 31 (59 a 72). Todo parecía apuntar a unha vitoria contundente, mais finalmente o Nanterre, a golpe de tripla de Foster e cun parcial de 19 a 8, conseguía pórse a dous puntos a falta de segundos para finalización do encontro (78 a 80). Porén, a actuación de Abrines finiquitou coas esperanzas francesas (78 a 82). Precisamente o mallorquín foi con 13 puntos, xunto con Navarro (15) e Lampe (14), un dos principais sustentos ofensivos do conxunto catalán.
O encontro, ademais, deixounos o encontro como notas positiva para o FC Barcelona a volta de Erazem Lorbek (que contribuíu con 4 puntos) e a adquisición por parte de Navarro da segunda posición no ranking histórico de tiros libres anotados na Euroliga.