top of page

                                                                                                                                                                                                                    7 de Decembro de 2013

 

Despois de apañaren dúas derrotas consecutivas, ben merecían os xogadores e os seareiros que o CB Breogán retornase ao camiño da vitoria, e aínda máis que fose da forma en que se produciu esta noite no Pazo dos Deportes.

 

O comezo do encontro foi fulgurante para os breoganistas, que incluso chegaron vencer por 12 a 3 no arranque do encontro, se ben finalmente un incremento do acerto nas accións defensivas por parte do CB Melilla provocou que ao final do primeiro cuarto se chegase con marcador de 16 a 13. No segundo período, porén, os galegos exerceron en todo momento o seu control sobre o encontro. Con todo, as defensas continuaban a ser máis poderosas que os ataques. Aínda así, isto non foi impedimento para que os lugueses marchasen ao descanso con 8 puntos de vantaxe (31 a 23).

 

Porén, hai quen di que o terceiro cuarto acostuma a ser decisivo. Neste caso, foi o momento en que o Breogán rachou o partido. Cun axustado parcial de 11 a 7 nos primeiros catro minutos os galegos lograban, porén, superar a barreira psicolóxica dos 10 puntos (41 a 30). Posteriormente, unha acción de Dani Rodríguez culminaría o incremento da vantaxe a 15 puntos (50 a 35) e, á finalización deste período, a diferenza incrementaríase aos +17 (58 a 41).

 

Os breoganistas dedicaron os derradeiros 10 minutos do encontro a xestionaren a vantaxe obtida ao longo do encontro, se ben a falta de algo máis de 2 minutos os galegos gañaban por 20 puntos (76 a 56). Malia o parcial de 1 a 7 dos melillenses nos últimos minutos (77 a 63), os visitantes non foron quen de se meteren no partido e, con outro de 5 a 0 nos instantes finais, o Breogán acadaba o 82 a 63 definitivo.

 

A presenza de Diouf volveu brillar neste choque. Con 21 puntos, 4 rebotes e 3 recuperacións (19 de valoración), o senegalés foi a figura destacada do encontro.

 

Na sala de prensa Lisardo Gómez, adestrador do Breogán, dedicoulle o triunfo a Pablo Alborán, e subliñou o mérito dos seus xogadores no apartado defensivo.

O Breogán esnaquiza ao Melilla

Diouf

bottom of page