top of page

15 de Novembro de 2013

 

Tanto Club Ourense Baloncesto como o Club Melilla Baloncesto chegaban empatados na clasificación ao partido da LEB Ouro disputado hoxe no Javier Imbroda de Melilla. Prometía este circunstancia un encontro máis igualado, mais realmente os galegos non estiveron nada finos, e ben cedo perderon o tren da vitoria.

 

Non semellaba que fose darse este desenlace ao principio do primeiro cuarto, no cal encontramos un partido entre dous conxuntos parellos. A falta de 2 minutos, os ourensáns encadeaban un parcial de 8 a 0 e púñanse por diante no partido, mais os locais contestaron con outro parcial de 10 a 1 que propiciou o 22 a 16 co que rematou este primeiro acto.

 

Este último parcial recibido polo COB parecía un preludio do que sería despois o encontro. O Melilla escapaba no marcador, chegando a ter unha vantaxe de +15. O COB, porén, encontrábase afogado en ataque e deixábase ir. Ao descanso chegaríase co resultado de 40 a 27.

 

A segunda parte continuou coa mesma tendencia, e aos 5 minutos do terceiro cuarto os melillenses obtiñan unha vantaxe de +18 (48-30), reducida lixeiramente ao final do terceiro cuarto (56-43).

 

O COB chegaba ao último cuarto practicamente fóra do partido, e en ningún momento logrou meterse nel. Ao final, Melilla 65-COB 50. A semana que vén os galegos recibirán no Paco Paz ao Palencia, segundo clasificado. Oxalá nesta próxima oportunidade teñan máis sorte.

 

 

O COB cae en Melilla

bottom of page