x
g d
Xornal
GALDEPORTE
29 de Novembro de 2013
Esta noite, o Club Ourense Baloncesto visitaba a cancha do Força Lleida, o Barris Nord. Os minutos previos ao encontro estiveron cargados dunha gran emotividade, pois o club ilerdense procedeu á realización dunha homenaxe a Juanjo Garra, alpinista catalán falecido no pasado mes de Maio durante a escalada ao Dhaulagiri.
Talvez froito desta circunstancia, os locais saíron cun extra de motivación. Os galegos, pola súa parte, encontraron unha vez máis dificultades en ataque. Aínda así, malia que a falta de dous minutos para o final do primeiro cuarto perdían por 7 puntos (19 a 12), lograron reducir á finalización do período a desvantaxe a 5 (21 a 16).
Ao principio do segundo cuarto, os cataláns saíron de novo moi forte e, cun parcial de 5 a 0, lograban unha diferenza de +10 (26 a 16), ampliada posteriormente a +13 (37 a 24). Cun parcial de 4 a 7 nos dous últimos minutos do período, o COB lograba pórse a 10 puntos ao descanso (41 a 31).
Á volta do descanso, o encontro tomou un cariz de maior igualdade e, a pesar de que o Força Lleida adquiriría a máxima de +14 (56 a 42), ao final do terceiro cuarto volveríamos aos 10 puntos de distancia (63 a 53).
O COB chegaba enganchado no partido ao cuarto derradeiro, o cal foi moi intenso e defensivo. Os ourensáns chegaron incluso a se pór a 7 puntos a falta de algo máis de tres minutos para o final (70 a 63). Non obstante, foron incapaces de continuar a escalada, e finalmente caeron por 73 a 65.
O COB cae no Barris Nord
