top of page

                                                                                                                                                                                                                   1 de Novembro de 2013

 

A fortuna non quixo acompañar hoxe á SD Compostela na súa visita ao Plantío, onde caeu ante o Burgos por 3 goles a 1.

 

Con todo, o encontro comezou de cara para os galegos que, no minuto 8, xa mandaban no marcador grazas ao tanto de Yahvé. O Compostela tiña o encontro controlado, mais a mala sorte petou na súa porta no minuto 26, cando o propio Yahvé abandonaba o campo por lesión, consistente nunha dislocación no ombreiro.

 

No minuto 32, Prats conseguía, de penalti, o empate para os locais (1-1). Aínda por riba, antes do intermedio, Jesús Varela retirábase mancado do terreo de xogo. Cun empate e con dúas substitucións realizadas, os composteláns finalizaron o primeiro tempo.

 

As adversidades, porén, non frearon o ímpeto do Compostela, que á volta do descanso presionaba con insistencia. Joselu desperdiciaba unha boa ocasión no minuto 66 e, pouco despois, os galegos estralaban un balón no pau.

 

Non obstante, se os santiagueses puñan as ocasións, Prats puxo os goles. A catro minutos para o final do encontro, o xogador do Burgos anotaba o 2 a1 e, contra a conclusión do encontro, marcaba o terceiro da súa conta (3-1). Inxusta derrota para un Compostela que mereceu máis.

Prats e a mala sorte vencen ao Compos

bottom of page