x
g d
Xornal
GALDEPORTE
7 de Decembro de 2013
Despois do empate a 1 do Recreativo de Huelva producido o pasado mércores no Colombino ante o Xaén, o Deportivo contaba cunha espléndida oportunidade para recuperar o liderado da Liga Adelante. Non a desaproveitaron os galegos esta tarde en Riazor, onde venceron por 2 a 1 ao Deportivo Alavés.
Os minutos iniciais foron do cadro herculino. Con todo, as súas chegadas apenas se transformaban en ocasións. Todo cambiou no minuto 19, cando o galego Luís Fernández dispuxo dunha boa ocasión ao rematar de volea un centro de Culio. Dez minutos máis tarde, o coruñés Juan Carlos Real inauguraba o marcador para os branquiazuis. O Deportivo era neste momentos o dono do encontro, e no 39 a piques estivo de novo Juan Carlos de incrementar a vantaxe deportivista. Porén, ao descanso chegouse con resultado de 1 a 0.
Pouco duraría, así e todo, a vixencia dese tanto en solitario no marcador. No 48, Borja Bastón anotaba o 2 a 0. Aínda Luís Fernández e Luisinho puideron posteriormente anotar o terceiro, mais encontraron coa dura oposición do meta Goitía.
Malia o dominio do Deportivo, calquera xogada puntual podía meter ao Alavés no partido. E iso foi precisamente o que aconteceu no minuto 65, cando unha falta de Culio dentro da área foi sinalada como penalti. Desde os once metros, non perdoou Borja Viguera. Este tanto deulle ás aos vascos, que no minuto 70 e no 72 ben puideron lograr o empate por mediación de Jasosik e Viguera, se ben Lux estivo atinado na súa resposta.
Nos instantes finais o encontro adormeceu, e co definitivo resultado de 2 a 1 chegamos á conclusión do choque. O Deportivo, con dous puntos de vantaxe sobre o Recreativo, volve reinar na clasificación da Liga Adelante.
O Depor recupera o liderado

Borja Bastón