x
g d
Xornal
GALDEPORTE
24 de Novembro de 2013
Despois da derrota desta tarde do Recreativo de Huelva ante o Eibar (1 a 2), presentábase para o Deportivo unha oportunidade única para acadar o liderado. Os galegos non a desaproveitaron, se ben non tiveron un encontro precisamente doado ante a Ponferradina.
Foi o do Tolarín un encontro trabado, duro, táctico. Os primeiros minutos pasaron con achegamentos por parte dos equipos que nin sequera se puideron transformar en ocasións de gol. A primeira oportunidade clara correu a cargo da Ponferradina, a través dun remate de Acorán ao pau no minuto 25. Porén, pouco despois, o colexiado sinalaba un penalti a favor dos herculinos que, transformado por Culio, acabou por se converter no tanto da vitoria.
Antes do descanso, Yuri e Javi Lara tiveron respectivas ocasións de acadar a igualada, mais por sorte non acharon fortuna.
A segunda metade non cambiou moito, no que ao seu desenvolvemento se refire, respecto á primeira. No minuto 55, un tiro de Culio marchaba desviado e, no 58, un remate de cabeza do galego Álex Bergantiños non encontraba o marco rival. O tempo pasaba e o encontro esmorecía. Só no 88 Acorán puña o medo no corpo dos branquiaizuis, cun remate desde dentro da área que Lux enviou a saque de esquina. Calquera acción posterior non tivo consecuencias e, desta forma, o Deportivo lograba a primeira praza da Liga Adelante.
O Depor xa é líder

Culio