x
g d
Xornal
GALDEPORTE
1 de Decembro de 2013
Malas son as perspectivas actuais do Coruxo CF. Hoxe, os vigueses caeron no Campo do Vao ante o líder da categoría, o Guijuelo; unha derrota que condena aos galegos a se situaren nos postos de descenso.
Aos 12 minutos de xogo, os visitantes puñan a proba ao meta local Fernando que, cun paradón, respondía a un disparo de Manu Moreira. Os visitantes estaban a ser superiores no xogo, e no minuto 24 acharon a recompensa polo seu traballo no gol de Manu Moreira. Aínda antes do descanso, no minuto 30, o propio Moreira estrelaría un balón no pau.
No inicio da segunda metade, o encontro tornouse trabado. No entanto, os galegos continuaban a carecer de ideas en todas as facetas do xogo. Froito desta circunstancia, no minuto 63 o defensor local Campos cometería un erro ao lle regalar o balón a Moreira, feito que provocou o 0 a 2.
Con todo, malia o mal partido, a piques estivo o Coruxo de acurtar diferenzas no minuto 69, nunha boa ocasión de Chaco. Mais era claro que non estaba a ser o día dos galegos que, ademais, finalizarían o encontro por 10 debido á expulsión de David Costas por dobre cartón amarelo.
Nos compases finais do encontro, os visitantes durmiron a pelota, impedindo calquera hipotética reacción dos locais.
O líder afunde ao Coruxo
