top of page

                                                                                                                                                                                                                    1 de Decembro de 2013

 

Despois dun inicio de campaña dubitativo, o Obradoiro encontrouse consigo mesmo, co Obradoiro sólido da temporada pasada. Esta mañá, os composteláns confirmaron o seu rexurdimento, ao vencer en Donostia ao Guipuzkua Basket.

 

A igualdade foi a nota predominante do primeiro cuarto. Malia levaren os galegos a iniciativa no marcador durante varios minutos, en vantaxes curtas de 2 ou 3 puntos, finalmente o período rematou con 18 a 17 para os locais. Mike Muscala e Mario Delas, que ao termo do encontro serían os máximos anotadores do cadro santiagués (con 13 e 16 puntos, respectivamente), semellaban o principal sustento ofensivo obradoirista.

 

Os minutos iniciais do segundo período non presentaban cambios significativos respecto ao primeiro no tocante á dinámica de partido. No entanto, grazas a un parcial de 1 a 8, o Obradoiro lograba unha diferenza de +7 (24 a 31), se ben se chegaría ao descanso cun marcador de 33 a 35.

 

Á volta do descanso o conxunto galego encontraría de novo a fórmula que lle permitise escapar no marcador, e cun parcial de 7 a 14 nos primeiros 5 minutos, o Obradoiro acadaba a máxima de +9 (40 a 49). Non obstante, a resposta dos locais traduciuse nun parcial de 9 a 0, de modo que o terceiro cuarto finalizou con empate a 49.

 

Todo quedaba no aire para o derradeiro período, no cal ambos os conxuntos presentaron as súas mellores armas en defensa. A falta de preto de un minuto para a fin do choque, con marcador en 59 a 58, unha tripla de Corbacho devolvíalle a iniciativa no resultado aos galegos. Acto seguido, unha boa defensa e unha canastra de Mario Delas outorgábanlle 4 puntos de vantaxe aos santiagueses (59 a 63). O partido chegaba con suspense aos últimos 17 segundos cando, con 61 a 65, Corbacho foi chamado á liña de tiros libres. O mallorquín non errou ningún dos dous lanzamentos, de modo que o Obradoiro tomaba unha vantaxe de 6 puntos. De pouco valeu a canastra localproducida nos instantes finais. Os de Moncho Fernández levaban o encontro por 63 a 67, e sumaban así a súa terceira vitoria da temporada.

O Obradoiro encóntrase consigo mesmo

Mario Delas

bottom of page