top of page

                                                                                                                                                                                                                   9 de Novembro de 2013

 

O CAB Obradoiro caeu esta tarde en Badalona ante o Joventut nun partido moi igualado, o cal se resolveu no último minuto.

 

Os santiagueses saíron enchufados ao inicio do encontro e, nos primeiros instantes, xa conseguiran un parcial de 0 a 5. Non obstante, o Joventut foise asentando no partido pouco a pouco e, a base de pequenos parciais, conseguiu chegar ao final do primeiro acto cun marcador favorable de 16 a 15.

 

A igualdade mantívose no segundo cuarto, e só a falta de algo menos de dous minutos para o final os galegos conseguirían, mercé ao labor dun gran Muscala e a unha tripla de Delas, un parcial de 10 a 0 que lle permitía marcar ao descanso con 6 puntos de vantaxe.

 

Porén, á volta do intermedio a Penya tomaría cumprida vinganza. Os galegos apenas producían en ataque, e mercé a un parcial de 13 a 2 conseguiron tomar a dianteira no taboleiro de marcas (39-38), chegando ao final do terceiro cuarto cun 49 a 44 ao seu favor.

 

O partido quedaba aberto para o derradeiro cuarto. Durante o seu transcurso, houbo unha serie de intercambio de parciais. O Obradoiro aproximábase, mais o Joventut reaccionaba e se distanciaba no marcador. Con esta dinámica, os composteláns chegaron a se situar a 2 puntos (65-63) a falta de 37 segundos, mais unha canastra de Guillem Vives supuxo para os obradoiristas un golpe do cal non se chegaron a levantar. Ao final do partido, o resultado era de 70 a 63.

 

A derrota contrasta co fenomenal partido de Mike Muscala. Con 17 puntos, 16 rebotes e 2 recuperacións (33 de valoración), o estadounidense foi o xogador destacado dos tres partidos da ACB disputados esta noite.

O Obradoiro perde en Badalona

Mike Muscala

bottom of page