x
g d
Xornal
GALDEPORTE
7 de Novembro de 2013
Onte o mundo do rugby verteu bágoas por despedir a un dos grandes. Papali'itele Peter Fatialofa, coñecido como “Fat”, faleceu en Apia (Samoa) aos 54 anos de idade como consecuencia dun ataque cardíaco.
Nacido en Auckland (Nova Celandia), o nome de Fatialofa asociarase sempre a unha figura destacada do rugby mundial e samoano. Precisamente, el foi o capitán da selección no primeiro partido que Samoa disputou nunha Copa do Mundo, en 1991.
Debutou Fatialofa co equipo nacional samoano o 29 de Outubro de 1988 ante Irlanda, sobre o mítico céspede do xa derrubado Lansdowne Road. Naquela ocasión, os seus caeran por 49 a 22 ante os irlandeses, liderados por un gran Mike Kiernan. Logo, co paso do tempo, chegou a disputar outros 33 partidos con Samoa, dos cales o conxunto do Pacífico gañou 18. Despediu a súa carreira como internacional o 20 de Xullo de 1996, no National Stadium de Suva, nun Fidxi vs Samoa que se saldou cunha esmagadora vitoria local (60-0).
Nestes últimos anos, Fatialofa vivía dedicado ao rugby. Foi adestrador de defensa da selección samoana, adestrador asistente da sub 20 en 2011 e adestrador da selección feminina.
Bernard Lapasset, presidente da International Rugby Board, gabou na páxina web desta institución o importante labor de Fatialofa para o desenvolvemento deste deporte en Samoa e nas Illas do Pacífico.
O vídeo que reproducimos a seguir contén o partido de Escocia contra Samoa, disputado no contexto da Copa do Mundo de Rugby de 1991