top of page

                                                                                                                                                                                                22 de Novembro de 2013

 

O Olympiacos demostrou en Málaga por que é un dos aspirantes ao título. Os campións das edicións de 2012 e 2013 venceron hoxe no Martín Carpena a un Unicaja que foi capaz de facerlles fronte, sen por iso ser suficiente.

 

A igualdade foi a tónica predominante en todo o encontro. No primeiro cuarto, o cal rematou co resultado de 23 a 20, asistimos a un intercambio de golpes, no cal o galego Fran Vázquez foi o auténtico protagonista, pois neste período anotou os 6 puntos que logrou en todo o partido e sumaba 7 puntos de valoración. 

 

Nos minutos iniciais do segundo período, encontramos a un Olympiacos que quería levar a iniciativa no marcador, se ben nunca lograba vantaxes superiores aos 3 puntos. Porén, un parcial de 19 a 6 producido a partir do minuto 12 de encontro outorgáballe aos malagueños unha diferenza de +10 (46 a 36), a cal se vería reducida á metade ao descanso mercé a un parcial de 0 a 5 para os helenos (46 a 41).

 

A situación parecía favorable para o Unicaja, conxunto que á volta do descanso lograba adquirir a súa máxima de +11 (54 a 43) grazas en parte a unha tripla de Caner-Medley e a outra do Suárez. Mais o Olympiacos tiña moi claro que non ía deixarse ir e, cun parcial de 6 a 16, lograba colocarse a 1 punto e, como non, devolvíalle a emoción ao resultado (60-59).  Ao final do terceiro período, os locais gañaban por 3 (65 a 62).

 

Todo quedaba aberto para o derradeiro cuarto, no cal o Olympiacos demostrou a súa valía. Cunha gran defensa, e liderados por Bryant Dunston (13 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 16 de valoración) e por Vassilis Spanoulis (21 puntos, 1 rebote, 4 asistencias e 23 de valoración), os gregos deixaban aos andaluces un 9 puntos e levaban o encontro por 74 a 82.

O Unicaja cae ante o campión

bottom of page