x
g d
Xornal
GALDEPORTE
5 de Decembro de 2013
O Unicaja de Málaga apañou esta noite no Abdi Ipekçi Arena ante o Galatasaray a súa quinta derrota da temporada na Euroliga.
Os dous primeiros cuartos caracterizáronse pola igualdade e, se ben no minuto 18 os malagueños chegaban a colleitar unha vantaxe de +8 (29 a 37), ao descanso chegaríamos con resultado de 40 a 39. Nesta primeira metade, o galego Fran Vázquez foi o xogador máis destacado do seu equipo. De feito, o chantadino anotaría nesta parte inicial 6 dos 8 puntos que obtería ao final do encontro.
Parello seguiu a ser o encontro á volta do intermedio, mais tamén moi defensivo. Cun parcial de 15 a 14, o marcador quedaba en 55 a 53 e o encontro ficaba por decidirse. Mais foi nos minutos iniciais do derradeiro período cando os turcos, cun parcial de 8 a 3, puñan 7 puntos de distancia (63 a 56) e, se ben os andaluces foron quen de se situar a 4 puntos a falta de algo menos de dous minutos para o final (68 a 64), finalmente o encontro rematou con resultado de 78 a 70.
Fulkan Aldemir, do Galatasaray, foi o MPV do encontro, tras anotar 8 puntos, capturar 12 rebotes e dar dúas asistencias para 20 puntos de valoración.